O novo mapa de corporacións municipais galegas quedou constituído este pasado sábado, a excepción dos concellos de Santiago de Compostela, Carballo, Fisterra e Os Blancos, onde se produciu a paralización do proceso por causa dos recursos contenciosos electorais presentados nos citados concellos.
Maiorías absolutas.
O PP ten garantidas 186 alcaldías (45 en A Coruña, 40 en Lugo, 65 en Ourense e 36 en Pontevedra), como resultado das maiorías absolutas acadadas nas urnas o pasado 22 de maio.
O PSdeG, pola súa parte, ten garantidas 35 alcaldías, con outras tantas maiorías absolutas (9 en A Coruña, 11 en Lugo, 13 en Ourense e 2 en Pontevedra), mentres que o BNG asegura 11 alcaldías, con 3 en A Coruña, 1 en Lugo, 5 en Ourense e 2 en Pontevedra.
Plenos de investidura.
Os pactos realizados con partidos independentes, e a falta de entendemento dos seus adversarios, nalgúns casos, facilitaron que os populares acadasen o goberno en 217 concellos, mentres que o PSdeG contará con 59 alcaldes e o BNG con 29.
Cidades.
A Coruña
O Concello de A Coruña será gobernado polos populares, da man de Carlos Negreira quen foi investido como alcalde o pasado sábado, poñendo fin a 28 anos de goberno socialista en “María Pita”.
Lugo
O socialista José López Orozco continuará como mandatario do Concello de Lugo, na que será a súa cuarta lexislatura. A súa investidura foi posible grazas ao apoio do BNG, co que formará goberno bipartito.
Ourense
PSdeG e BNG ratificaron o pacto de goberno que permitiu ao socialista Francisco Rodríguez erixirse como alcalde de Ourense. Este pacto dará continuidade aos proxectos iniciados polo bipartito PSdeG-BNG iniciado no ano 2007.
Pontevedra
O Concello de Pontevedra será gobernado polo socialista Miguel Anxo Fernández Lores, que afronta o seu cuarto mandato como alcalde da cidade do Lérez. O nacionalista recibiu o apoio do PSdeG, pero aínda non está claro si os socialistas formarán parte do goberno.
Vigo
O socialista Abel Caballero iniciará a súa segunda etapa como alcalde de Vigo, aínda que neste caso exercerá a súas funcións en minoría. Caballero recibiu o apoio dos nacionalistas, facendo posible a súa investidura como rexedor municipal.
Santiago de Compostela
Á espera da resolución do recurso presentado por PSdeG e BNG perante o Tribunal Superior pola suposta nulidade dunha mesa electoral, os resultados electorais outorgan a maioría absoluta ao popular Gerardo Conde Roa. A toma de posesión da nova corporación foi aprazada ata o 1 de xullo.